Catorce empresas optan a executar a reforma integral da rúa Gorgullón

Pontevedra
15 de marzo 2018

A mesa de contratación do Concello de Pontevedra reuniuse este xoves para iniciar o proceso de adxudicación desta obra financiada con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e valorada en 1,5 millóns de euros 

Rúa Gorgullón, Pontevedra Mónica Patxot

Catorce empresas presentaron ofertas para executar o proxecto de reforma integral da rúa Gorgullón, unha actuación valorada en 1,5 millóns de euros que busca estender o modelo urbano de Pontevedra a este barrio da cidade e poñer en valor o Camiño de Santiago, pois trátase da vía de entrada dos camiñantes da ruta xacobea.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse este xoves para iniciar o proceso de adxudicación desta obra financiada con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Unha vez abertas as primeiras ofertas comprobaron que se presentaron a este proceso de licitación as empresas Construcciones Fechi, Coviastec, Manuel Novoa Castro, Elsamex, Xestión ambiental de contratas, PRACE - Excavaciones Manuel Rodríguez, Oresa, Explotacións medioambientais S.L., OVISA, COVSA, E.C. Casas,.Naturgalia - SYR AMG, Nexia e Ediserpo - Ogmios.

O proxecto da reforma do Gorgullón consiste en acondicionar a rúa para convertela nunha vía de uso prioritario peonil e en plataforma única. Eliminaranse os pavimentos actuais, poranse outros novos na plataforma única, renovaranse todos os servizos e instalarase novas luminarias, arborado e o mobiliario necesario.

Ademais, reducirase a circulación motora e mellorarase a accesibilidade nunha rúa bastante deteriorada e con moitos sobreanchos. En concreto, haberá un modelo de plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina.

A actuación tamén supón invertir o sentido de circulación, que pasará a ser sur-norte e nas vías transversais Moa e Travesía Eduardo Pondal quedan en dirección a Eduardo Pondal. Tamén se peonalizará a rúa do Muíño, que salvará a pendente con escaleiras.

O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico e renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.

Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos e está previsto ampliar a rede de auga potable, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica nova.

Entre os elementos singulares do proxecto están crear unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana e a rúa do Muíño quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente, converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.