Catro empresas optan á rehabilitación integral do colexio Froebel

Pontevedra
14 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

As empresas Construcciones Castro Figuero S.L., Construcciones Jesús Naray S.L., Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. e Obras y Servicios Gómez Crespo S.L. presentaron as súas ofertas para realizar a terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Froebel  

Patio do CEIP Froebel
Patio do CEIP Froebel / Mónica Patxot

As empresas Construcciones Castro Figuero S.L., Construcciones Jesús Naray S.L., Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. e Obras y Servicios Gómez Crespo S.L. presentaron as súas ofertas para realizar a terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Froebel de Pontevedra. 

A Consellería de Educación licitou esta obra en febreiro, por un importe de 1.170.948,58 euros e, para axilizar os trámites, remitiu xa ao Concello de Pontevedra o proxecto básico e de execución para que conceda a licenza de obras no prazo máis breve posible.

Na sesión da mesa de contratación celebrada este xoves, os técnicos constataron a presentación de ofertas e, a partir de agora, revisarase a documentación presentada para proceder a realizar a proposta de adxudicación e que a obra, que ten un prazo de execución de seis meses, poida comezar no verán.

O programa de necesidades inclúe tanto as necesidades iniciais detectadas pola Unidade Técnica como melloras suxeridas polo propio centro e ocúpase da parte do colexio que aínda non foi reformado, que se corresponde coa parte do volume central que dá á rúa Xeral Martitegui, incluíndo as aulas de Primaria e a zona cuberta do patio central, así como o distribuidor que rodea todo o patio central.

Deste xeito, o proxecto contempla a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500 metros cadrados, unha actuación que se completará co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. 

Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.

Así mesmo, colocarase trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas. No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central. 

A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase.