CC.OO denuncia que o servizo público de emprego deixa "orfos" aos desempregados

Pontevedra
15 de maio 2020

Este feito afecta especialmente, segundo o secretario de organización de CC.OO, José Luis García Pedrosa, aos traballadores que foron incluídos nun ERTE e os seus respectivos postos de traballo quedaron suspendidos

Oficina de emprego no edificio administrativo de Benito Corbal
Oficina de emprego no edificio administrativo de Benito Corbal / Mónica Patxot

O sindicato Comisións Obreiras denunciou este venres o tratamento que o servizo público de emprego de Pontevedra está a dar ás persoas que quedaron sen traballo na comarca como consecuencia da crise do coronavirus.

Este feito afecta especialmente, segundo o secretario de organización de CC.OO, José Luis García Pedrosa, aos traballadores que foron incluídos nun ERTE e os seus respectivos postos de traballo quedaron suspendidos.

Tras o envío das solicitudes de prestación, unha parte de importante delas "parece que caeron nunha especie de buraco negro", lamenta García Pedrosa. Existe un "número significativo" de expedientes "dos que ninguén sabe nada".

Os afectados, engade o sindicato, seguen á espera de poder cobrar a prestación que lle corresponde "e non lles dan nin a máis mínima información", xa que aseguran que as canles de atención á cidadanía estiveron "practicamente pechadas".

CC. OO afirma que remitiu unha carta á directora do SEPE en Pontevedra fai máis dunha semana "e a resposta foi a mesma, o silencio".

Aínda que o sindicato sinala que "somos conscientes" da complexidade da situación da "enorme carga de traballo" que deben asumir, pero subliñan que "non podemos entender que se deixe á cidadanía afectada na máis absoluta orfandade"

A este respecto, Comisións Obreiras esixe que os afectados sexan tratados "con dignidade" e que, especialmente, se lles pague ou se habiliten as canles necesarias para que poidan solicitar anticipos aos seus bancos, xa que "os seus recursos non chegarán para moito máis tempo ou xa se acabaron e algúns tiveron que recorrer á solidariedade dos máis próximos".