Centos de libros, na busca dunha nova vida

Pontevedra
24 de abril 2023

Os libros teñen máis dunha vida. Esa foi a ensinanza que quixeron trasladar os centros educativos de Pontevedra a través dunha actividade que se desenvolveu no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Actividade para trocar libros no Salón do Libro
Actividade para trocar libros no Salón do Libro / Concello de Pontevedra

Os libros teñen máis dunha vida. Esa foi a ensinanza que quixeron trasladar os centros educativos de Pontevedra a través dunha actividade que se desenvolveu no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Coincidindo co Día do Libro, catorce colexios e institutos da cidade, coordinados polo IES Torrente Ballester, participaron nunha feira do libro usado.

O obxectivo era "trocar libros", é dicir, levar un libro para casa a cambio de deixar outro. 

En total, foron 7.000 os libros que se moveron nesta xornada lúdica, literaria e musical.

Non foi a única iniciativa que, co gallo desta efeméride, se desenvolveu este domingo en Pontevedra.

Así, como é habitual, as persoas que se achegaron ata o Edificio Castelao, foron obsequiadas con publicacións editadas polo Museo, tales como catálogos de exposicións e libros de arte, arqueoloxía e outras materias.