Os libros teñen máis dunha vida. Esa foi a ensinanza que quixeron trasladar os centros educativos de Pontevedra a través dunha actividade que se desenvolveu no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Coincidindo co Día do Libro, catorce colexios e institutos da cidade, coordinados polo IES Torrente Ballester, participaron nunha feira do libro usado.
O obxectivo era "trocar libros", é dicir, levar un libro para casa a cambio de deixar outro.
En total, foron 7.000 os libros que se moveron nesta xornada lúdica, literaria e musical.
Non foi a única iniciativa que, co gallo desta efeméride, se desenvolveu este domingo en Pontevedra.
Así, como é habitual, as persoas que se achegaron ata o Edificio Castelao, foron obsequiadas con publicacións editadas polo Museo, tales como catálogos de exposicións e libros de arte, arqueoloxía e outras materias.