Cerdedo-Cotobade decreta tres días de loito oficial polo falecemento de Rita

Cerdedo Cotobade
17 de xaneiro 2025
Actualizado: 12:59

As bandeiras de todos os edificios municipais ondearán a media asta e suspenderanse todos os actos oficiais

Casa do concello de Cerdedo-Cotobade
Casa do concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, decretou tres días de loito oficial polo falecemento de Rita Gómez González.

A decisión adoptouse despois de manter unha xuntanza urxente coa Xunta de Voceiros do Concello a pasada tarde-noite, tras coñecer a noticia do falecemento desta veciña de Vila de Abaixo, na parroquia de Santa María de Sacos.

A muller, de 79 anos de idade, non puido superar as consecuencias da malleira que lle deu o seu fillo o pasado 2 de xaneiro.

A vítima permanecía ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde foi trasladada en helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias 061 con prognóstico crítico debido aos golpes propinados polo seu fillo.

Este home, de 46 anos, foi detido ese día por un delito de tentativa de homicidio.

Unha vez arrestado, o fillo, que reside habitualmente no municipio pontevedrés de Barro, foi trasladado á unidade de psiquiatría do Hospital Montecelo de Pontevedra.

As bandeiras de todos os edificios municipais ondearán a media asta e suspenderanse todos os actos oficiais.

O alcalde e os voceiros dos grupos municipais do Concello de Cerdedo-Cotobade expresan o seu pesar polo fatal desenlace e solidarízanse cos familiares e amigos da vítima, unha persoa moi coñecida e apreciada na parroquia.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiica, a situación xudicial do fillo da falecida en Cercedo-Cotobade non variou. Permanece ingresado, polo que o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que é o que investiga os feitos, está á espera de que o Imelga informe sobre a súa capacidade actual de declarar.

Por outra banda, o xulgado tamén está pendente de recibir os resultados da autopsia que se lle practicará á falecida.