Cerdedo-Cotobade inicia unha campaña para fomentar a reciclaxe do aceite doméstico

Cerdedo-Cotobade
18 de febreiro 2020

O Concello ten distribuídos once contedores laranxas por todo o municipio e xa recolleron tres toneladas desde maio do 2018. Realizarán charlas informativas en festas populares e en centros educativos

Campaña informativa para a reciclaxe de aceites domésticos en Cerdedo-Cotobade
Campaña informativa para a reciclaxe de aceites domésticos en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade pon en marcha unha campaña de concienciación sobre a necesidade de reciclar o aceite doméstico. O obxectivo do goberno local é informar os veciños da importancia de separar adecuadamente este residuo polo seu alto poder contaminante e pola súa capacidade para ser reutilizado na elaboración de biodiésel.

A campaña informativa comezou a pasada fin de semana en Carballedo con motivo da XI Festa do Petote. O executivo que encabeza Jorge Cubela instalou un posto informativo na carpa e captou a atención de decenas de asistentes. A intencion do Concello agora é estender estas xornadas a outros eventos municipais que se celebren ao longo do ano e mesmo realizar charlas nos centros educativos.

Ademais, en todo o territorio municipal están instalados once contedores laranxas para o depósito de aceite doméstico. A súa posta en marcha ocorreu en maio do 2018 e desde entón xa se recolleron unhas tres toneladas deste residuo. 

Doutra banda, o Concello acordou con institucións como Compostela Insere que o traballo de recollida destes residuos sexa realizado por persoas en risco de exclusión social.