Cerdedo-Cotobade lanza unha campaña contra o abandono de residuos voluminosos na vía pública

Cerdedo Cotobade
24 de outubro 2025

O obxectivo é concienciar sobre a importancia de evitar o abandono de residuos voluminosos e perigosos na vía pública e promover o uso responsable dos servizos municipais de recollida

Presentación da campaña 'Non sexas igual de traste! Non os abandones'
Presentación da campaña 'Non sexas igual de traste! Non os abandones'

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou a nova campaña municipal de sensibilización ambiental baixo a lema 'Non sexas igual de traste! Non os abandones'.

O obxectivo, explican desde o Concello, é concienciar á poboación sobre a importancia de evitar o abandono de residuos voluminosos e perigosos na vía pública e promover o uso responsable dos servizos municipais de recollida.

Ante o aumento de residuos abandonados en espazos públicos e naturais, e a entrega destes a terceiros non autorizados, prácticas que afectan negativamente ao medio ambiente e á imaxe do municipio, o Concello decidiu impulsar esta iniciativa a través do Servizo de Medio Ambiente con accións informativas e de participación cidadá para fomentar unha xestión responsable dos residuos domésticos.

Cubela destacou que a campaña busca que a veciñanza coñeza e utilice os recursos gratuítos e eficaces dispoñibles, como o punto limpo fixo, o punto limpo móbil, mini puntos limpos e o servizo de recolleita porta a porta de aveños.

A campaña inclúe a repartición dun dossier informativo, a instalación de seis postes en zonas conflitivas por acumulación de residuos, e a difusión de materiais publicitarios en carteis, medios dixitais, web municipal e redes sociais.

Esta acción, financiada polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, forma parte da estratexia municipal para manter Cerdedo-Cotobade limpo e reforzar o compromiso ambiental da cidadanía.

Para máis información, o Concello lembra que se pode solicitar a recollida gratuíta chamando ao 986 75 30 06 ou contactando co Servizo de Medio Ambiente a través do correo [email protected].