Cerdedo-Cotobade mellorará a visibilidade entre A Rocha e Viascón con novos puntos de luz

Cerdedo Cotobade
14 de decembro 2020

Os traballos consistirán na instalación de seis báculos de iluminación pública que serán colocados no lado dereito da estrada N-541, na subida da Rocha a Viascón, para dar resposta a unha demanda veciñal que pedía resolver un problema de visibilidade nocturna nesta estrada nacional

Estrada N-541 en Viascón
Estrada N-541 en Viascón / Diego Torrado

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de adxudicar o concurso público aberto para o subministro de material e lámpadas eléctricas co fin de mellorar a seguridade vial na estrada N-541, na subida da Rocha a Viascón.

Os traballos consistirán na instalación de seis báculos de iluminación pública que serán colocados na beira dereita da estrada, para dar resposta a unha demanda veciñal que pedía resolver un problema de visibilidade nocturna nesta estrada nacional.

Segundo explicaba o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na zona coincidían diferentes circunstancias que demandaban dunha intervención, como son a presenza dun carril de aceleración, varios accesos, falla de iluminación e tamén a proximidade dun cruce. "Factores que facían imprescindible que intervíramos para mellorar a iluminación e a seguridade vial na zona coa instalación destes seis báculos con luminarias axeitadas para dar maior tranquilidade tanto aos vehículos que circulan pola N-541 como a aquel tráfico local que precisa transitar polo lugar e que se ten que enfrontar a certo perigo que agora trataremos de evitar", manifestaba Cubela.

Unha vez finalizado o proceso de adxudicación a unha empresa da veciña comarca do Deza, por concurso público aberto cunha licitación de 18.992,02 euros, a instalación completarase de inmediato, polo que o alcalde agarda que desta maneira se vexa resolta dun xeito definitivo unha das peticións feitas polos veciños que utilizan habitualmente este lugar para transitar cos seus vehículos.