Os restos da muralla do Campiño de Santa María e os achados arqueolóxicos de Valentín García Escudero foron obxecto nas dúas últimas semanas dunha completa posta a punto.
Segundo informou este domingo o Concello de Pontevedra, estes dous achados arqueolóxicos da cidade recibiron actuacións de limpeza, mantemento e mellora.
As actuacións centráronse na limpeza de suciedade e nas rozas das herbas que van medrando. No caso do espazo de Valentín García Escudero, tamén limparon a sinalización existente, que presentaba algunhas pintadas.
Este coidado impulsouno a concellería de Patrimonio histórico. O concelleiro responsábel desta área, Alberto Oubiña, explica que estas labores de mantemento entran dentro das "actuacións habituais que facemos ao longo do ano, para o bo mantemento destes espazos patrimoniais e que forman parte da historia da nosa cidade".

Oubiña destaca a importancia desta actuación de cara á recentemente rematada Semana Santa e tamén de cara ao resto de visitas que están por chegar ao longo dos próximos meses.
Ao longo do ano, repetirase esta acción de mantemento para manter estes espazos "no mellor estado posíbel".