O Concello de Cuntis vivirá dous días especiais para celebrar o outono, cun programa que pon en valor a cultura popular, a gastronomía da castaña e a música tradicional baixo o lema "Un Outono con D: Degustar, Danzar, Descubrir e sobre todo Desfrutar".
As actividades desenvolveranse entre o venres 7 e o sábado 8 de novembro, achegando propostas para todas as idades e fomentando a participación veciñal.
A programación vai iniciarse o venres 7 ás 19:30 horas na Casa do Médico cun obradoiro de cociña dirigido polo chef Iván Méndez, centrado en receitas con castaña. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do teléfono 986 53 36 00.
O sábado 8, a festa trasládase á Praza da Constitución desde as 12:00 horas, cun obradoiro infantil da castaña destinado aos máis pequenos.
A partir das 13:00, o público poderá saborear tapas elaboradas con castaña e a tradicional tapa de callos, dentro dunha sesión de degustación coordinada pola Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional.
A tarde ofrecerá ás 17:00 horas o espectáculo Superharte de Patty Diphusa, financiado polo programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra.
Ás 18:00 horas, a programación infantil continúa con obradoiros, baile, música e chocolate, tamén a cargo da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional.
Xa a partir das 19:00 horas celebrarase unhanova degustación dentro do Magosto popular.
Ás 19:15 horas, a música en directo tomará o escenario coa Banda de Acordeóns de Cuntis, a Escola de Música Tradicional de Poio e a Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, reunindo a veciñanza nun ambiente festivo e participativo que pecha unha das citas clave do outono en Cuntis.
O alcalde, Manuel Campos Velay, destacou o espírito aberto desta cita: "Queremos convidar a veciños e visitantes a gozar do outono en Cuntis coñecendo os nosos costumes. A castaña e a música tradicional serán os piares dunha fin de semana deseñada para degustar, danzar e desfrutar".