O goberno municipal xa decidiu cal será o próximo edificio propiedade do Concello en ser rehabilitado de maneira integral, para mellorar os servizos que se ofrecen á cidadanía.
Trátase do inmoble de Churruchaos, no centro histórico, segundo confirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O proxecto de rehabilitación presentarase á convocatoria do programa de impulso á rehabilitación dos edificios públicos (PIREP).
A este programa, que se financia con fondos europeos, o Concello prevé presentar tamén a ambiciosa reforma do antigo conservatorio, que se converterá nun laboratorio de creatividade.
No caso de Churruchaos, cuxo proxecto se presentará nos próximos días, o obxectivo é rehabilitalo de maneira integral e manter o seu uso para dependencias administrativas.
Este inmoble actualmente acolle diversos servizos municipais, entre eles os de cultura, normalización lingüística ou medio ambiente natural. Parte do seu espazo tamén o ocupan os técnicos que coordinan todo o programa de compostaxe.
A idea inicial, avanzou Anabel Gulías, é que este edificio se converta na sede do servizo de patrimonio, entre outros usos, para o que será rehabilitado na súa totalidade.
Haberá dependencias de uso público e, como no resto de reformas de edificios municipais, aproveitarase a remodelación para dotalo de salas de reunións.
O Concello convidou a tres estudos de arquitectura para que deseñen o anteproxecto, de forma que a tramitación administrativa estea avanzada para presentalo á convocatoria da primeira fase destes fondos europeos.
A decisión de rehabilitar Churruchaos, recoñeceu Gulías, produciuse tras advertirse a "falta de espazo considerable" que tiñan diversos servizos municipais.