A convocatoria da cuarta edición das Bolsas Ence para Estudos de Máster está resolta.
Os alumnos Tania Menduiña Couto, Águeda Rodríguez-Volta Corrochano, Jaime Dapena De Paz, Alba Peón Carracelas e Alfredo Viceiro Fernández beneficiaranse das axudas que ofrece a empresa para apoiar a realización de estudos de posgrao por parte de pontevedreses. Os catro primeiros cursarán os seus estudos en universidades da Coruña, Barcelona e Sevilla. Alfredo Viceiro Fernández contará co apoio de Ence para continuar a súa formación no estranxeiro, concretamente no Conservatorium van Amsterdam, en Holanda.
As bolsas que concede Ence axudarán aos cinco estudantes a especializaren os seus coñecementos e a desenvolver as súas capacidades nos distintos campos escollidos, que inclúen un Máster en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental na Universidade da Coruña, un Máster de Música en Tuba no Conservatorio de Ámsterdam, e estudos en materias coma Psicoloxía das Organizacións e o Traballo, Enxeñería Biolóxica e Ambiental ou Comunicación e Política Social.
As bolsas serán de 6.000 euros para o estudante que complete a súa formación no estranxeiro, e de 3.000 euros para os que realicen os seus estudos en universidades de España. Nas bases estableceuse que aqueles estudantes que fagan os seus estudos fóra de Galicia reciben unha axuda adicional para o desprazamento de 1.000 euros. É o caso de dous dos beneficiarios.
Segundo os organizadores, esta iniciativa "se integra no firme compromiso de Ence de contribución ao desenvolvemento económico e social de Pontevedra" e dalle prioridade aos alumnos beneficiarios das Bolsas para Estudos de Máster á hora de realizaren prácticas na empresa. Deste xeito, a compañía quere completar o seu apoio ás persoas que obteñen as bolsas poñendo ao seu dispor, tamén, o seu "saber facer" en diferentes áreas de xestión.
Dende a creación do programa de Bolsas hai 4 anos, 19 estudiantes de Pontevedra e comarca realizaron estudos de máster co apoio das Bolsas Ence.