Clases de cestería, macramé, quilling e bonecas de papel no programa 'Cóllelle o gusto' de Poio

Poio
10 de febreiro 2025

Este venres 14 organízase na Casa Rosada un baile con música en directo. Na biblioteca municipal organizarase o obradoiro 'Poesía dos sentidos' para a rapazada maior de 7 anos

Casa Rosada, en Poio
Casa Rosada, en Poio

A oferta de lecer de Poio continúa a aumentar a través do programa 'Cóllelle o gusto', que promove talleres para espertar o gusto por novas manualidades e actividades.

A través deste programa, organizaranse na Casa Rosada talleres de vidro e cestería, quilling, bonecas de papel ou macramé.

Serán en horario de tarde, entre as 17.00 e as 21.00 horas, e o prazo de inscrición xa está aberto no Pazo Besada ata completar as prazas dispoñibles.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, explica que estes obradoiros "supoñen unha oportunidade para probar e descubrir novas afeccións, ao mesmo tempo que se comparte tempo de lecer con outras persoas".

A primeira actividade do programa será o 28 de marzo, un taller de cesteiría e vidro, no que se elaborarán decoracións para adornar as botellas.

O obradoiro de quilling, que consiste en enrolar tiras de papel para crear deseños decorativos, organizarase o 25 de abril.

O venres 23 de maio impartirase un obradoiro de bonecas africanas con papel de periódico e o 13 de xuño haberá un obradoiro de plumas con macramé

BAILE CON MÚSICA EN DIRECTO

Este venres, 14 de febreiro, organiza un baile con música en directo na Casa Rosada, unha sesión lúdica destinada para persoas maiores con entrada de balde. Comezará ás 17.00 horas.

Tamén este venres 14, coincidindo coa celebración do Día dos Namorados, a biblioteca municipal organiza o obradoiro 'Poesía dos sentidos'  para a rapazada maior de 7 anos. Elaborarán tarxetas para agasallar ás súas amizades e familiares.

Tamén para as persoas maiores, o Concello abre o prazo para anotarse á escapada termal a Monçao, que se realizará entre o 7 e 11 de abril. Trátase dunha excursión que inclúe unha estancia de cinco días e catro noites.

A inscrición será de 260 euros, para cubrir os gastos de aloxamento, pensión completa e acceso ao clube termal, ademais doutros servizos. 

As persoas interesadas poden anotarse no Pazo de Besada, no teléfono 986 872 401 ou no enderezo [email protected]. Daráselle preferencia ás persoas maiores empadroadas no municipio.