A cociña hospitalaria do Novo Montecelo atenderá novecentos pacientes diarios

Pontevedra
03 de xuño 2025

O goberno galego destinará 3,45 millóns de euros para equipar esta cociña, que dará servizo á nova infraestrutura sanitaria e ao actual hospital. A previsión é que sexa instalada a finais deste 2025

Servizo de cociña do Hospital Montecelo
Servizo de cociña do Hospital Montecelo / Sergas

O Servizo Galego de Saúde segue a dar pasos para equipar o Novo Montecelo. O último contrato que licitou o organismo é o correspondente coa subministración e instalación do equipamento integral que terá a cociña hospitalaria de todo o complexo.

Esta cociña, segundo destacan desde o Sergas, atenderá, aproximadamente, uns 900 pacientes cada día, xa que dará servizo á nova infraestrutura sanitaria e ao actual hospital.

O goberno galego destinará 3,45 millóns de euros para equipar esta nova cociña. A previsión é que sexa instalada a finais deste mesmo ano.

O contrato recolle a necesidade de contar con distintas zonas de elaboración de comidas, de tratamento de tubérculos, de condimentación, cociña de dietas, zona de empratado ou de recepción de mercadorías, sempre baixo o principio de seguridade alimentaria.

A licitación tamén considera os carros e bases necesarios para a distribución das comidas e sistemas de retermalización e posta en temperatura axeitada.

A licitación da cociña hospitalaria é unha das necesidades previstas na fase inicial do plan de investimentos do Novo Montecelo, relativa ao equipamento que se debe coordinar coa fase final da obra e a posta en marcha da ampliación do complexo hospitalario.

Esta fase inclúe tamén, entre outras instalacións, cabeceiros para pacientes críticos e columnas de cirurxía e de anestesia (1,83 millóns), ecógrafos para diversos servizos (5,02 millóns), a central de esterilización (2,31 millóns) ou un quirófano híbrido (1,75 millóns).

A estes equipamentos sumaranse cabinas de seguridade, mesas de tallado e guindastres de pacientes (283.000 euros), sistemas de monitorización de pacientes (2,26 millóns) e a farmacia hospitalaria con dispensación automática de fármacos e almacén robotizado (2,56 millóns).

Instalaranse tamén dous TC e dúas salas de raios de alta tecnoloxía para o servizo de urxencias (1,11 millóns) ou arcos cirúrxicos e raios X portátiles para a imaxe intraoperatoria (1,07 millóns).

O Novo Montecelo será o primeiro de Galicia en contar coa totalidade dos seus quirófanos dixitais, o que posibilitará a súa integración completa cos sistemas operativos do Sergas, para o que se licitará tamén o control e a xestión da imaxe en quirófano (1,61 millóns).

Por outro lado, este ano instalarase o equipamento de dosimetría e control de calidade dos aceleradores (456.000 euros) para os servizos de radioterapia e medicina nuclear, os equipos de control radiofísica (1,12 millóns) e o equipamento e mobiliario (125.000 euros).

Con estas novas unidades o hospital público de Pontevedra evitará o desprazamento a Vigo de máis de 500 pacientes ao ano.

Entre este ano e 2026 instalarase ademais o mobiliario para o equipamento de laboratorios (1,67 millóns) e o equipamento de hospitalización como camas estándar (1,28 millóns), camas para pacientes críticos (615.000 euros) e cadeiras de brazos de paciente (350.000 euros).

Este plan de investimentos do Novo Montecelo xa ten adxudicada a compra de lámpadas cirúrxicas (550.000 euros) e distintos tipos de respiradores (1,38 millóns).