Representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIMs) da provincia de Pontevedra coñeceron este luns a primeira guía de recursos existentes en Galicia para facer fronte á violencia de xénero.
Trátase dun documento pioneiro que recolle os equipamentos e recursos destinados a mulleres vítimas de violencia de xénero na comunidade que impulsou a Xunta de Galicia. Este luns, puideron coñecelo da man da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
A través desta guía, os colectivos e profesionais que traballan no ámbito da loita contra a violencia de xénero poden consultar todos os servizos dispoñibles organizados por áreas (psicolóxica, social, sanitaria, xurídica, económica, laboral ou protocolos de actuación) e tamén os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio ás vítimas.
Estes servizos aparecen tamén xeoreferenciados na páxina web da Xunta de Galicia, cun mapa de localización dispoñible desde o enlace https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa.
O obxectivo é facilitar e axilizar o traballo das persoas profesionais que acompañan e apoian ás mulleres que sofren violencia de xénero, de maneira que recóllense os CIMs presentes en 82 concellos galegos desde os que se ofrece unha atención integral ás mulleres, dos que 27 están na na provincia de Pontevedra; centros de acollida e o teléfono 900 400 273, de carácter gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano.