Comecemos a cambiar o mundo poñendo ao revés a roupa

Pontevedra
24 de maio 2013

A campaña Somos promovida por 35 ONG's pretende concienciar da importancia que teñen os cidadáns para cambiar o mundo propoñendo que durante este venres 24 todos saiamos á rúa cunha prenda do revés. En Pontevedra conseguiron que o alcalde, a concelleira de Benestar Social e o historiador Xosé Fortes participaran nesta iniciativa

Podemos cambiar o mundo e para facelo temos que cambiar a nosa forma de vivir e de ver as cousas. Como primeira proposta, 35 ONG's, entre elas a Fundación do Secretariado Xitano de Pontevedra, nos invitan a poñer unha peza de roupa ao revés e saír así á rúa durante este venres 24 de maio. A partir de aí podemos converter os conflitos en paz, inxustiza en solidaridade ou a enfermidade en saúde.

Desta forma, ao redor de vinte pontevedreses achegáronse ata a praza da Ferrería para participar de Somos, unidos podemos cambiar ou mundo". Entre os asistentes a esta chamada encontrábanse o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, ademais do historiador Xosé Fortes e o propietario do restaurante italiano Il Piccolo, Francesco Iannelli, que acompañaba ao alcalde tras unha recepción no concello. Iannelli non tivo reparos en vestir do revés a súa chaqueta verde.

Tamén algúns cidadáns que pasaban pola Ferrería se uniron á campaña, como foi o caso dunha ama de casa que se dirixía á compra co seu carro.

María José Obelleiro, secretaria da Fundación do Secretariado Xitano de Pontevedra, agradeceu a solidariedade con esta iniciativa que pretenden cambiar o mundo aínda que sexa con pequenos xestos simbólicos como o de hoxe.