Comeza a posta a punto dos parques infantís do rural pontevedrés

Pontevedra
05 de xullo 2020

Os traballos, que terán unha duración de 2 semanas, levaranse a cabo en 16 espazos de xogos para subsanar deterioros e desperfectos derivados da inactividade dos últimos meses

Bambán Juan Mejuto

O Concellaría de Coordinación do Medio Rural do Concello de Pontevedra, xestionada polo concelleiro Alberto Oubiña, acometerá a posta a punto de todas as áreas de xogos e parques infantís das parroquias durante as dúas vindeiras semanas. En total actuarase en 16 espazos de xogos co obxectivo de subsanar os deterioros e desperfectos ocasionados durante os últimos tres meses, nos que permaneceron inactivos e sen mantemento por mor das restriccións derivadas da crise sanitaria da Covid-19.

Esta posta a punto é o paso previo á súa próxima apertura de cara a ter este tipo de instalacións "nas mellores condicións de uso para que a rapazada poida empregalas con normalidade e tamén para garantir a súa conservación no tempo" indica Alberto Oubiña.

A actuación ten un orzamento total de 27.700 euros e dará comezo a vindeira semana nos parques de Salcedo, Santa María de Xeve, Sobral e nos dous do Pontillón.

Os traballos inclúen, dunha banda, tarefas de adecentamento do espazo como desbroces da contorna na que se ubican as áreas de xogos, rozas e limpezas de herba, arranxos de valados perimetrais, reposición de trozas de céspede artificial, hixienizado da grava, e volteo de areeiros mediante motocultor.

Doutra banda, tamén atenderán á posta a punto dos propios elementos de xogo con labores tales como reposición de pezas danadas ou deterioradas, repintados puntuais, e limpeza e lasurado de bancos e columpios.