Comeza a reactivación do ocio nocturno

Pontevedra
13 de xuño 2021

O local pontevedrés de La Pomada foi un dos seis establecementos de Galicia en que se realizou a proba durante a noite do sábado para garantir a seguridade sanitaria de traballadores e clientes. Este ensaio, segundo a Xunta de Galicia, serve para preparar e comprobar as medidas de prevención de cara á apertura destes espazos de actividade nocturna a partir do 1 de xullo

Proba piloto de ocio nocturno en La Pomada Cristina Saiz

A noite deste sábado foi para algunha clientela escollida unha oportunidade de volver ao pasado, ao ambiente prepandemia. La Pomada foi o local pontevedrés, xunto a outros cinco na comunidade, que participou nesta xornada de proba establecida pola Xunta de Galicia para comprobar as medidas de prevención e preparar todos os detalles co obxectivo posto nunha apertura xeral de locais de lecer nocturno o 1 de xullo.

O establecemento pontevedrés enviaba horas antes aos clientes previstos para este ensaio o recordatorio de como debían acceder ao local, a través da Rúa Real, ensinando o DNI e presentando a PCR negativa no controlador. Tamén indicaba que a saída debía realizarse pola praza Marqués de Aranda.

Se as probas desenvolvidas durante a noite son satisfactorias quedarán establecidas para que se reactiven estas actividades nun sector que sufriu gravemente desde que comezou a pandemia. O obxectivo é garantir co ensaio tanto a traballadores como a clientes rebaixando a posibilidade de contaxios no interior das instalacións.

Durante todo o tempo que se permanece no local é necesario levar máscara protectora salvo no caso de consumir bebidas. A ocupación destes locais redúcese ao 50% da súa capacidade habitual no interior e ao 75% en caso de contar con terrazas e espazos ao aire libre. A separación mínima entre mesas deberá permanecer en 1,5 metros e tamén se deben garantir as distancias interpersoais.

Os responsables dos locais levan a cabo un control e un rexistro dos clientes, datos que deberán gardar durante tres meses para que, no caso de que se rexistre algún brote, póidase localizar aos asistentes e alertalos. Tamén todos os establecementos deberán contar con ventilación empregando aparellos que midan o CO2. 

As persoas que participaron nesta proba someteranse a unha nova proba PCR entre os 7 e os 10 días posteriores a esta xornada de celebración.

Este luns 14, PontevedraViva publicará unha ampla reportaxe elaborada por Manu Otero e Cristina  Saiz sobre esta primeira xornada de proba de apertura de establecementos de lecer nocturno.