Comezan as obras de mellora da mobilidade na Rúa Lepanto de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
26 de outubro 2022

Os traballos, cun orzamento de 193.000 euros financiados pola Deputación, permitirán actuar no tramo da estrada EP-0407 que transcorre polo casco urbano para convertelo nun espazo público de calidade

Visita ás obras de Gregorio Agís e Andrés Díaz
Visita ás obras de Gregorio Agís e Andrés Díaz / Deputación de Pontevedra

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-0407, en Ponte Caldelas. 

Estes traballos, que este mércores visitaron o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde Andrés Díaz, teñen un orzamento de 193.000 euros que serán financiados integramente pola institución provincial, xa que o 30% de aportación municipal prevista no convenio entre ambas administracións asumirase cunha achega do Plan Concellos.

A actuación desenvólvese nun tramo de 225 metros da citada estrada provincial no casco urbano. Arranca na rúa Lepanto e continúa pola explanada do aparcamento do Centro de Saúde. 

O tramo da citada rúa deséñase con plataforma única, garantindo un ancho mínimo de 2,50 metros. Dende a intersección coa Avenida de Galicia ata o punto final da actuación habilitarase un espazo peonil con lousa de granito e bordo do mesmo material para que as persoas poidan camiñar tamén con seguridade. A zona quedará dotada con pasos de peóns elevados.

Os traballos complétanse con actuacións de xardinería, co soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións agora en aéreo, así como a execución dunha nova rede de alumeado con luminarias LED de alto rendemento.