Concedida a licenza municipal para construír o novo centro de saúde de Vilagarcía

O Salnés
02 de maio 2024

O permiso aprobouse este xoves no Consello da Xerencia de Urbanismo poñendo fin ao trámite que lle correspondía realizar á administración local. A semana pasada asinouse ante notario a cesión do solar da Comandancia ao Sergas

Futuro centro de saúde de Vilagarcía
Futuro centro de saúde de Vilagarcía

A demanda do novo centro de saúde para Vilagarcía está cada vez máis preto de converterse en realidade. 

O Concello completou este xoves a parte da tramitación que lle correspondía realizar concedendo a licenza para a construción da infraestrutura sanitaria nos terreos da avenida da Mariña. 

O alcalde, Alberto Varela, congratulouse de que, "despois dos anos que levamos xestionando, negociando e facendo os trámites para que esta demanda histórica poida cumprirse, o traballo máis duro xa está feito. Simplemente queda executar unha actuación que xa ten proxecto técnico e construtivo, e os fondos europeos para financiar a obra". 

Con este permiso municipal, e despois de que a semana pasada se oficializase ante notario a cesión ao Sergas do solar da antiga Comandancia, o rexedor socialista solicita ao goberno autonómico que "tal como fixo o Concello, cumpra con dilixencia e con celeridade a súa parte do acordo acadado para que os veciños e veciñas de Vilagarcía poidamos contar co centro de saúde que merece unha cidade de case 40.000 habitantes en pleno século XXI".

Varela lembrou que os responsables da Xunta anunciaron durante a pasada campaña electoral que a obra se ía licitar no mes de febreiro, "pero seguimos esperando e os fondos europeos teñen un prazo de execución determinado".

A construción da infraestrutura sanitaria está presupostada en 14 millóns de euros. Segundo as previsións anunciadas o ano pasado polos responsables autonómicos, o edificio debería estar rematado en 2026.

A continuación, a Xunta aínda tería que dotalo de mobiliario, dos equipos técnicos e do persoal que, o Concello espera que se reforce, "dada a precaria situación na que se atopan dende hai anos o plantel do ambulatorio e o PAC de San Roque".