Concentración de 'Lumes Nunca Máis' para pedir a dimisión de Núñez Feijóo

Pontevedra
16 de outubro 2017

Diferentes agrupacións políticas e sindicais participaron nesta concentración na praza da Peregrina para reclamar unha política forestal que evite a vaga de lumes e actuacións preventivas por parte da Xunta de Galicia

Concentración Lumes Nunca Máis en Pontevedra
Concentración Lumes Nunca Máis en Pontevedra / PontevedraViva

Diferentes integrantes de partidos políticos, de sindicatos e de colectivos ecoloxistas como a Asociación pola Defensa da Ría, ademais doutros cidadáns, concentrábanse este luns ás 20.00 horas na praza da Peregrina baixo o lema 'Lumes Nunca Máis'. Con esta protesta, os convocantes critican a falta dunha política forestal que evite os incendios nos montes de Galicia e a falta de previsión por parte da Xunta.

Na concentración rexeitábase a eucaliptización do monte con fins económicos e a conexión entre a Xunta e Ence, que é unha das empresas que se beneficia coa compra de eucalipto. 

Tamén se critica a falta de operativos durante as últimas horas na loita contra os incendios, tras a decisión da Xunta de non manter o contrato de400 brigadistas durante este mes de outubro. Por este motivo, reclamaban a dimisión do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo.

CONCENTRACIÓN NOS CENTROS DE ENSINO

O colectivo Erguer tamén convocaba concentracións este luns 16 nos centros de ensino de Pontevedra, que se sumaban á convocatoria para toda Galicia. Ao mediodía paralizábase a actividade docente en repulsa polos incendios destes últimos días. 

Segundo o colectivo convocante, as concentracións nos distintos centros transcorreron sen incidentes e denuncian que a dirección do IES Valle-Inclán non permitiu que os estudantes secundasen este paro baixo ameazas.

Arquivado en