O Consello escolar do CEIP San Clemente convida a cargos do PP a que coñezan de primeira man a situación que están a vivir

Umia
07 de outubro 2025
Actualizado: 18:28

Celebrouse un Consello Escolar extraordinario con un único punto na orde do día: invitar formalmente á deputada do PP Felisa Rodríguez e ao portavoz local Fernando Pérez a visitar o centro

Colocación dunha pancarta reivindicativa no CEIP San Clemente
Colocación dunha pancarta reivindicativa no CEIP San Clemente /

Na tarde deste martes, profesorado e familias do CEIP San Clemente insistiron en reivindicar que a terceira aula de Educación Infantil ten que volver. Para iso, colgaron unha gran pancarta na fachada do centro, reclamando o que consideran un dereito que lles foi arrebatado de forma inxusta pola Xunta de Galicia o curso pasado, a pesar de contar cun número suficiente de alumnado.

Como resultado desa decisión, este curso o alumnado de Infantil está repartido só en dúas aulas, segundo aseguran "superando as ratios legais", o que impacta directamente na calidade da súa educación.

Na pancarta reivindicativa pódese ler "Por un ensino público de calidade – NON aos recortes en Educación" e "Terceira unidade de Educación Infantil XA!" e inclúe tres crespóns negros, un por cada unha das unidades suprimidas, en sinal de loito pola perda de dereitos educativos.

O profesorado e as familias vestiron camisetas azuis –a cor do centro– e deixaron claro que a pancarta non se retirará ata que a unidade volva ao seu sitio.

Sinalan desde esta comunicade escolar que no momento da matrícula para o curso 2025/26, houbo máis solicitudes que prazas dispoñibles, o que obrigou a aplicar o baremo e deixou a unha familia sen praza, algo que contradi o compromiso da Consellería de recuperar a aula se había demanda suficiente.

E destacan que esta mesma semana, antes incluso da apertura oficial do prazo de admisión, xa se solicitou unha praza para o curso 2026/27. 

Pero tamén denuncian que este curso chegaron outros recortes que dificultan aínda máis o día a día do centro como foi a retirada do docente de Inglés que apoiaba ao equipo directivo e a redución a media xornada da mestra de apoio en Infantil, que impide facer desdobres como os do curso anterior.

Despois de colocar a pancarta, celebrouse un Consello Escolar extraordinario con un único punto na orde do día: invitar formalmente á deputada do PP Felisa Rodríguez e ao portavoz local Fernando Pérez a visitar o centro. A comunidade educativa quere que coñezan de primeira man a situación que están a vivir.

Rodríguez, que defendeu no Parlamento a negativa do PP a restablecer a unidade (unha proposta apoiada polo PSdeG e o BNG), asegurou que os pais e nais de San Clemente "merecen a verdade". Tamén dixo que non se pode crear unha unidade onde non hai demanda. Ao que lle contestan sinalando que "para non haber demanda, todo o noso alumnado de infantil está por riba da ratio".

Antes de rexeitar a proposta, a deputada insistiu en que os pais e nais teñen dereito a recibir información "clara e precisa", e que sempre atoparán "claridade e transparencia" no seu grupo parlamentario e na Xunta.

Pois ben, o Consello Escolar tomou nota e, en nome desa claridade e transparencia, invitou á deputada, ao inspector educativo e ao portavoz municipal do PP a coñecer a realidade do colexio en persoa. "Porque a comunidade educativa de San Clemente non se rende e vai seguir loitando polo que lles pertence", aseguraron.

Colocación dunha pancarta reivindicativa no CEIP San Clemente
Colocación dunha pancarta reivindicativa    CEIP San Clemente