Convocado o consello veciñal de Poio para participar na elaboración dos orzamentos municipais

Poio
14 de novembro 2023

O goberno local convocou o consello de participación veciñal para impulsar as achegas e suxestións destes colectivos aos orzamentos do Concello de Poio para o ano 2024. Ademais, na reunión tamén se informará sobre a nova ordenanza de terrazas que se está elaborando

Concello de Poio
Concello de Poio / PontevedraViva

O goberno local convocou o consello de participación veciñal para impulsar as achegas e suxestións destes colectivos aos orzamentos do Concello de Poio para o ano 2024. 

A sesión celebrarase o xoves 23, ás 20.00 horas, no salón de plenos, e nela están incluídas, ademais dos representantes dos grupos municipais, representantes das asociacións veciñais do concello.

O alcalde de Poio Ángel Moldes explica que convocan aos colectivos para escoitar as súas propostas e "non como un mero trámite" para dar exclusivamente conta dun documento. "Queremos ser un goberno de todos e para todos en feitos e acción de goberno, por iso para nós é moi importante escoitar e manter un diálogo constante cos veciños", sinala.

Nesta liña, engade que "queremos que os colectivos coñezan cales son os nosos plans para o próximo ano, tendo en conta a situación económica do concello, e tamén queremos saber cal é a súa opinión. É importante que os veciños tomen parte nos asuntos importantes do concello, e os orzamentos para o ano 2024 son o documento máis relevante, o que marca a nosa acción e xestión para os próximos doce meses".

Ademais, no consello de participación veciñal tamén se tratará a futura ordenanza municipal de terrazas, que buscará dar resposta a unha demanda histórica do municipio, cun documento real e que recolla a realidade de Poio. 

"Queremos contar coa opinión de todos, é importante que teña o maior consenso e apoio posible. Non se trata só de ofrecer unha estética homoxénea, tamén ten que resolver os problemas da hostalería de Poio e garantir a convivencia entre negocios e veciños", concluíu o alcalde.