Cores Tourís: "non está decidido o peche do Laboratorio de Saúde Pública"

Pontevedra
10 de abril 2013

Recoñece que "a Xunta vai eliminar laboratorios"  pero que se trata dunha medida "a longo prazo". De momento, "eliminouse algún máis pequeno, pero hai unha folla de ruta que se marcou" e aínda non se decidiu que pasará co de Pontevedra

"Fálase de que se vai pechar, pero non está decidido". Así o asegurou este mercores o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, en relación co Laboratorio de Saúde Pública que os sindicatos denuncian que a Administración ten previsto desmantelar na cidade do Lérez.

Cores Tourís recoñeceu que "a Xunta vai eliminar laboratorios"  pero que se trata dunha medida "a longo prazo". De momento, "eliminouse algún máis pequeno, pero hai unha folla de ruta que se marcou" e aínda non se decidiu que pasará co de Pontevedra.

"A idea é unificar unha soa Xefatura, pero temos tempo suficiente de ver a que se vai dedicar cada laboratorio", en concreto, ata dentro de dous anos non se terminará esa reorganización de todas as instalacións de Galicia. O futuro do de Pontevdra coñecerase antes, pero Cores Tourís non deu prazos.

O obxectivo desta reorganización é "que non haxa duplicidades" e "que en todos os sitios non se fagan as mesmas funcións". No caso do de Pontevedra, terán en conta a importancia da súa especialización en temas relacionados co mar.