O Concello de Cerdedo-Cotobade impulsa a cuarta e derradeira fase de implantación do plan de compostaxe doméstica, que se desenvolve ao abeiro das axudas estatais do Plan PIMA Residuos, co obxectivo de chegar ás seis parroquias restantes do territorio de Cotobade e completar deste xeito a súa extensión a todo o termo municipal.
A iniciativa oriéntase especialmente ás parroquias de Almofrei, Borela, Rebordelo, Valongo, Loureiro e Augasantas, que son as zonas ás que aínda non chegou este proxecto, pero está aberta en xeral a todas as persoas interesadas de Cotobade. As familias que queiran participar nesta campaña ambiental centrada na compostaxe de lixo orgánico para a reducción de residuos deben inscribirse ata o vindeiro 26 de marzo.
Deste xeito, poden recabar información na oficina municipal de Medio Ambiente ou a través do teléfono 986 753006 e formalizar as súas inscricións en calquera das dúas sedes administrativas de Carballedo e Cerdedo ou a través do enderezo electrónico [email protected] indicando nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto.
Tan pronto como se peche este prazo, a oficina de Medio Ambiente dará o seguinte paso e dirixirá a formación dos participantes, así como a entrega dos composteiros, o material estruturante para converter o lixo orgánico en compost e as guías informativas. Posteriormente, realizaranse mostreos e controis para comprobar a axeitada realización destas accións.
Este plan de compostaxe doméstica arrancou en Cerdedo no ano 2016 e extendeuse ás parroquias cotobadesas de Carballedo, Caroi e Corredoira no ano seguinte e, xa no pasado exercicio, ás de San Xurxo de Sacos, Santa María de Sacos, Tenorio e Viascón, polo que neste ano completarase a súa implantación en todo o concello e a continuación irase despregando coa incorporación de máis familias.