Crean un selo de compromiso para mercar no comercio local "con total confianza"

Poio
23 de xullo 2020

Identificar os comercios de Poio nos que se pode mercar "con total confianza". É o principal obxectivo do selo de compromiso que activou o programa Poio Confía. Poderán contar con el todos os establecementos do municipio que cumpran todos os protocolos de seguridade

Tenda de Poio
Tenda de Poio

Identificar os comercios de Poio nos que se pode mercar "con total confianza". É o principal obxectivo do selo de compromiso que activou o programa Poio Confía. Poderán contar con el todos os establecementos do municipio que cumpran todos os protocolos de seguridade.

A través de Poio Confía, unha iniciativa das concellerías de Promoción económica e Turismo, buscan que o municipio sexa un "referente" en canto a medidas que mostren confianza e motivación por mercar nos comercios locais.

Todos os negocios instalados no concello poderán adscribirse á marca Poio Confía, visibilizando así todas as medidas e o esforzo que a cidadanía está a facer para evitar a propagación da COVID-19.

Para poder contar con este selo, os comercios deben comprometerse a adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos, tanto de exposición como de propagación do COVID-19 e informar de forma axeitada á clientela das medidas de seguridade implantadas.

Ademais, deberán respectar as medidas de aforo, entrada e saída do establecemento, implantar un plan de limpeza e desinfección acorde coa súa actividade, fomentar o teletraballo nos casos que sexa posible ou coordinarse coas empresas provedoras.

O decálogo inclúe ademais aportar todos os coñecementos necesarios aos traballadores, crear espazos de confianza e seguridade, apoiar aos demais negocios do municipio e colaborar coas administracións para cumprir cos requirimentos da situación de nova normalidade.

Poio Confía leva dende a súa andadura -hai menos dun mes- máis de 30 asesoramentos personalizados e 20 negocios visitados para dar resposta ás dúbidas acerca das medidas a ter en conta polo COVID-19.