Amplíase a rede de parques infantís en Cotobade. O goberno municipal anunciou que se crearán este ano tres equipamentos destas características nas parroquias de Viascón, Borela e Santa María de Sacos. O investimento global é duns 80.000 euros.
Jorge Cubela cre que estas tres actuacións son moi necesarias para ampliar a oferta de espazos de lecer para os cativos no municipio e pechar practicamente o círculo destas infraestruturas ao darse cobertura a todo o termo municipal.
O orzamento destinarase á conversión das mínimas instalacións existentes nalgún destes tres puntos en áreas recreativas homologadas, perfectamente dotadas e cheas de xogos para os rapaces.
"Imos crear parques infantís de gran nivel aproveitando que nalgunha destas parroquias hai xa algunha zona de bambáns e noutras impulsando a súa construción dende cero", explicou Cubela.
En canto á consecución de terreos, Cubela explicou que en Viascón optouse pola contorna da Casa do Pobo e en Santa María de Sacos por unha parcela situada na parte traseira do centro social.
Nestes dous casos, as fincas proxectadas pertencen ás respectivas comunidades de montes, pero xa se acordou con elas que aborden a cesión de terreos nas súas asembleas e non se agarda que haxa ningún atranco ao tratarse da dotación dun novo servizo público de interese xeral para cada parroquia.
En Borela, o novo parque infantil construirase na parcela de titularidade municipal onde se empraza a Casa do Pobo. Cubela cre que este ambicioso proxecto orientado aos máis cativos "é unha mostra máis do esforzo que estamos a facer para dotar ao concello dos máximos servizos públicos e para equiparar a prestación dos mesmos á que hai nas grandes cidades".