A situación do sector do taxi volveuse insostible tras as recentes subas desmesuradas nas pólizas de seguros, un tema que levou aos 60.000 taxistas de España a mobilizarse.
O paro do pasado 29 de xaneiro foi secundado en Pontevedra polos 450 profesionais que forman a asociación de taxistas da provincia, que aúna aos municipios pontevedreses, coa excepción da área metropolitana de Vigo.
Co seu presidente, Javier Filgueira, taxista con 27 anos de oficio, analizamos as repercusións deste aumento das pólizas de seguros.
Cal é a situación do sector do taxi na provincia de Pontevedra?
Con respecto á subida dos seguros, levamos dous anos, camiño de tres, con seguros abusivos totalmente.
Estamos a pasar duns seguros de sobre 1.000, 1.200 ou 1.500 euros a seguros de 4.000, 3.500, 5.000 ou 6.000 euros, depende un pouco a situación de cada un.
Estamos a falar dunha media de 4.000 euros para arriba o seguro anual, catro veces máis do que pagabamos antes.
A suba afecta tanto a renovacións como a novos seguros?
Afecto a todo o mundo en xeral. Tanto dá que cambies o coche ou non, porque unha vez que pasa o ano e tes que renovar, xa che van a subir o seguro. Aínda que teñas o mesmo coche, xa che van meter, se cadra, tranquilamente, mínimo 500 ou 600 euros máis.

O goberno fomenta a adquisición de coches eléctricos, pero saíron casos de compañeiros aos que o seguro lles subiu mesmo máis que a un vehículo de gasolina.
Si, sobe moitísimo o seguro dun coche eléctrico. É igual que nos coches con adaptación para xente con problemas de mobilidade, que tamén subiu moitísimo. Estamos a falar de prezos de sete, oito, nove mil euros.
Cada canto tempo están os profesionais obrigados a cambiar o taxi?
Aquí en Pontevedra, cada dez anos.
Tamén no que respecta a estes coches novos nótanse subidas tan acusadas no prezo do seguro?
Se cambias o coche, aí é cando se agrava a situación. Porque eu, por exemplo, no meu caso, estaba a pagar sobre 1.000 euros e agora estou a pagar 4.000 euros por cambio de coche. Pero como me pasou a min, pásalle ao resto dos compañeiros.
O tema é que as compañías puxéronse todas de acordo e subiron os seguros abusivamente. De feito, estamos a falar a nivel España, non un caso puntual de Pontevedra. E as poucas compañías que che collen, que son contadas, os prezos son abusivos totalmente.
Estás a dicir que hai compañías que se negan a facer o seguro a un taxi? É isto legal?
Bo, como son empresas privadas, en principio, si.

O teu taxi opera en Pontevedra, ocorre esta mesma problemática cos profesionais que traballan no rural?
Si, si. A ver, en Pontevedra é carísimo, pero ti imaxínate no rural. Un concello como Campo Lameiro ou Soutomaior, que son concellos pequenos, aféctalles moito. Porque aí non hai tanto traballo como na capital.
Hai socios no rural que mesmo se están pensando deixar o taxi, son incapaces de pagar cinco mil euros de póliza, porque non dan os números.
Na capital, nútrese do Hospital Montecelo, das estacións de tren e autobús… Hai máis movemento. No rural, hai máis xente maior que podería demandar os servizos dun taxi, pero hai menos movementos de taxi. Entón, aos taxistas do rural cústalles moito máis pagar un seguro.
As compañías de seguros fan distinción por número de viaxes?
Non, nada. As compañías en canto lles dis que o seguro é para un taxi, xa tes a cruz enriba. Tanto dá que sexa de Campo Lameiro ou de Pontevedra.
Como afecta isto á rendibilidade do taxi?
Os números non dan. Estamos a falar que simplemente nun seguro dun coche son 5.000 euros ao ano, que o divides en meses, e ao final case é unha letra. Máis o gasto do coche, máis autónomos... É inviable, non dan as contas.
Un dos argumentos das aseguradoras para esta subida é un aumento xeral da sinistralidade, máis outros factores que non acaban de concretar.
A nós non nos dan razón ningunha. Cales son os factores? Por que non os din? Porque non os hai, se non, diríanos, creo eu. Pero en ningún momento dan ningunha razón. Eles mesmos non teñen razón para subirnos ao seguro.
E dígoche que a sinistralidade non é así o que din eles. Porque os taxistas seguimos sendo os mesmos. Ninguén quere levar un golpe, e todo o mundo sae con moito coidado. E máis agora, que tal como están os seguros, a xente sae con medo de casa.
Ademais, os datos que temos na asociación indican que non hai un aumento de sinistralidade. Non hai unha tendencia a que saiamos todos os días en noticias, para nada.
É porque os seguros entran nesa metódica e non hai razón ningunha que os apoie. Póñoche o meu caso: arruinei eu á compañía de seguros por dar un só parte en 27 anos de taxi no centro de Pontevedra? É que non ten lóxica ningunha.

Cambiaría o prezo do seguro se, no canto de equiparar transporte de persoas con transporte de mercadorías, os taxistas tivesen outra valoración?
Pois non sei se podería cambiar entrar nós noutra valoración. Ata agora sempre estivemos na valoración do transporte e nunca houbo esta subida. Por que agora de súpeto? Iso é o que teñen que explicar os seguros.
Con respecto ao goberno, que demandades das autoridades?
Demandámoslle ao goberno central que tome medidas e que nos apoie. Que somos traballadores e estamos na rúa dando un servizo público. Pedimos que lexisle neste sentido.
Mesmo estamos a falar de que un seguro no Consorcio de Compensación de Seguros están a cobrarlle aos compañeiros 3.500 ou 4.000 euros. E non teñen dereito nin a lunas, nin a guindastre, nin a nada.
Entendo que pedides a intervención do Estado no Consorcio de Compensación de Seguros, que é unha entidade pública que se encarga das pólizas denegadas.
Si, denegadas. Ti tes que buscar varias pólizas que non te collan e aí é cando che derivan ao Consorcio. Pero tamén no Consorcio é o que falamos: 3.500 ou 4.000 euros a terceiros sen lunas, sen dereito a guindastre, sen nada.
Á parte do tema dos seguros, hai outros factores que estean a afectar á viabilidade do sector?
Nós a tarifa en Pontevedra témola conxelada dende 2020. E os servizos, cando foi do confinamento, pasámolo mal, durante un ano e medio ou dous. E agora, o traballo estaba máis ou menos estable, pero bo, con este pau dos seguros, a situación xa non é estable, claro.
Ides facer máis mobilizacións?
En principio, se fixese falta e o goberno central non busca solución, teremos que seguir movéndonos. Pero esperemos que, despois do outro día do parón a nivel España, tomen nota e busquen unha solución. A ver que pasa, estamos á espera.
Para finalizar, gustaríache lanzar algunha mensaxe á poboación, en xeral, e en concreto aos usuarios do taxi?
Dicirlles que estamos na rúa, que nos collan cando queiran e que estamos para dar servizo a toda a cidadanía. Non ten que ver o problema que teñamos nós, interno ou profesional, para darlle servizo á cidadanía de Pontevedra e municipios. Que estamos á súa disposición. Que todo o que queira un taxi, que o colla.