O Partido Popular insta o goberno local de Pontevedra a mellorar o estado "lamentable" da Alameda.
A concelleira do grupo municipal do PP, Beatriz Rey, asegurou que esta é unha das queixas que a veciñanza fixo chegar ao seu partido a través da canle de queixas e suxestións que ten aberta a súa formación.
A edil fixo fincapé nas árbores que, "cada vez son menos, porque deixan os ocos das que tallan e non as volven plantar".
Critica, especialmente, o chan que "está impracticable pola lameira e a cantidade de follas que se acumulan nas marxes".
Para Beatriz Rey o "abandono" deste parque público "traslada unha imaxe de falta de interese e neglixencia por parte do Concello".
O PP local insta o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a que dea a orde de "arranxar os bancos de pedra que están rotos".
Tamén que substitúa os contedores do lixo que "ademais de ser insuficientes, están vellos e deteriorados".
Por último, os populares insisten na sua petición para que os espazos verdes da cidade "sexan postos en valor á maior brevidade posible".