Cruz Vermella organiza en Pontevedra un seminario para actuar contra o acoso escolar

Pontevedra
25 de outubro 2022

O evento terá lugar este xoves, 27 de outubro, de 09 a 14 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Voluntarios de Cruz Vermella Pontevedra
Voluntarios de Cruz Vermella Pontevedra / Cruz Roja Pontevedra

Cruz Vermella celebra este xoves 27 de outubro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o seminario “Xerando Convivencia fronte ao acoso escolar”. Unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto homónimo financiado polo IRPF a través do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

O encontro será inaugurado por MaríaTeresa Álvarez Quicler, Presidenta Provincial de Cruz Vermella; Paula Rivarés Almazán, Directora Estatal de Cruz Vermella Mocidade; e representantes da Deputación de Pontevedra.

O programa inclúe os seguintes relatorios: “Saúde emocional na infancia e a adolescencia” de Ricardo Fandiño (Coordinador xeral de ASEIA, psicólogo e psicoterapeuta especialista en adolescentes, novos e familias); “Claves para educar na era dixital” de Antonio Rial (Director da Unidade de investigación de Psicoloxía do consumidor da USC e membro do Alto Comisionado da UNESCO contra o acoso escolar e director da Unidade); e “Prevención, detección e intervención” de Carmen Cabestany García (Presidenta de NACE, Non ao Acoso Escolar).

Este seminario, que está dirixido principalmente a profesionais do ámbito da educación, a sanidade e o sector servizos ten como obxectivo sensibilizar, informar, e promover recursos e ferramentas para erradicar o acoso escolar a través dos profesionais na materia creando un espazo de intercambio de experiencias e boas prácticas na prevención do acoso escolar.

Forma parte dunha serie de catro encontros que Cruz Vermella Mocidade organizou por toda España durante este ano 2022.

Desde Cruz Vermella Mocidade cren que é importante dar respostas áxiles para a detección, pero tamén é importante sinalar o valor da prevención que require de boas prácticas educativas que tenten evitar os escenarios de acoso que comprometen o desenvolvemento persoal da mocidade.

O acoso escolar é unha das problemáticas que afrontan con máis enerxía desde Cruz Vermella Mocidade desde hai anos. Por este motivo, realizan talleres e charlas en centros educativos, ademais de organizar unha campaña de sensibilización cada 2 de maio. No último ano, 636 mozos participaron na provincia de Pontevedra nalgunha das actividades de sensibilización e prevención organizadas pola Institución.