Cruzada contra os balonazos na Pasarela

Pontevedra
07 de xullo 2022

Un grupo de comerciantes presentan no Rexistro do Concello medio centenar de firmas para esixir que se prohiba xogar ao fútbol nesta praza polos problemas de convivencia que se están xerando

Comerciantes da Pasarela presentan sinaturas para prohibir que se xogue co balón na praza
Comerciantes da Pasarela presentan sinaturas para prohibir que se xogue co balón na praza / Mónica Patxot

Un grupo de comerciantes da rúa José Adrio iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para regular o uso de balóns na praza da Pasarela.

Donos de establecementos comerciais e peóns aseguran levar tempo padecendo os efectos de balonazos por parte de preadolescentes que organizan partidos neste lugar provocando desencontros co resto de usuarios da praza e algún que outro dano no mobiliario urbano e nos bens de cafeterías, florerías e outros comercios da contorna. 

"Non nos molestan os menores, gústanos que estean a xogar, pero ás veces hai unha cantidade de forza excesiva cos balóns", declara un dos promotores dunha iniciativa que recolleu nunha soa tarde medio centenar de firmas. 

"Houbo balonazos a persoas maiores, nas vivendas tamén se queixan porque os balóns voan moi alto e nos comercios tamén sufrimos balonazos contra as cristaleiras, roturas de mobilairio urbano, ruídos...", engaden os afectados puntualizando que nunha florería da zona é habitual que lle rompan as plantas. Ademais, advirten que en moitas ocasións os balóns escápanse á estrada co risco de atropelo ou accidente que conleva.  

Por todo iso, presentaron no Rexistro municipal unha proposta para que "non se xogue á pelota con esa forza porque non hai medios estruturais para xogar un partido de fútbol. Non é a praza adecuada". 

Con todo, puntualizan os comerciantes que "o motivo dá nosa queixa non é a zona de lecer infantil senón vos balóns descontrolados golpeando contra todas partes". De feito, a situación está a xerar problemas de convivencia entre os menores, os seus proxenitores e o resto de usuarios da praza polas discusións que se orixinan.

É por iso que instan o goberno local a intervir para regular os usos desta praza e para habilitar unha zona adecuada para que os preadolescentes xoguen co balón sen provocar molestias.