Cuntis busca potenciar a "castañicultura"

Umia
09 de outubro 2019

O Concello de Cuntis vén de finalizar o proxecto "Xestión integral para o aproveitamento sustentable dos soutos de castiñeiro"

Bosque de carballos e castiñeiras
Bosque de carballos e castiñeiras / Juan Mejuto

O Concello de Cuntis vén de finalizar o proxecto "Xestión integral para o aproveitamento sustentable dos soutos de castiñeiro".

O gran potencial que ten a castaña desde o punto de vista económico nas zonas rurais, unido á escasa profesionalización do sector fixeron que desde o Concello se tomase a iniciativa de poñer en marcha este proxecto.

Coa súa execución o Concello de Cuntis busca potenciar a "castañicultura" na zona, fixar estratexias que optimicen a súa rendibilidade, favorecer a profesionalización e diversificación do sector, así como mellorar a empregabilidade.

Nel leváronse a cabo 11 accións formativas de carácter teórico e práctico nas que participaron case 160 persoas. Todas as accións foron totalmente gratuítas e dirixidas a persoas desempregadas con especial incidencia naquelas persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral.

Este proxecto enmarcado dentro do programa "Empleaverde" da Fundación Biodiversidade contou para a súa execución coa colaboración do Concello de Lubián en Zamora.

O Programa Empleaverde do Ministerio para a Transición Ecolóxica é a iniciativa da Fundación Biodiversidade para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Está cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.