Unha década sen suba de impostos municipais en Barro

Barro
28 de novembro 2024

Barro aproba en pleno un orzamento de 3,2 millóns de euros para 2025, con máis investimento en política social e mantemento, segundo defende o goberno local

Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro
Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro / Concello de Barro

A corporación municipal de Barro aprobou este mércores o orzamento para o ano 2025, que ascende a 3.246.500 euros, cun aumento de máis de 305.000 euros a respecto do exercicio anterior.

Este incremento explícase, segundo o goberno local, pola finalización da bonificación do 95% no IBI da AP-9, o que elevou a recadación municipal.

O documento foi aprobado en sesión plenaria celebrada durante o mércores 27 de novembro.

Son os décimos orzamentos presentados polo alcalde nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes, quen destacou que, por décimo ano consecutivo, o executivo local conxela as taxas e impostos.

O rexedor valorou as contas como "moi positivas" e sinalou que "reflicten a boa xestión destes dez anos, permitindo mellorar os servizos municipais sen subir impostos".

As contas do próximo ano inclúen unha notable subida nas partidas destinadas a política social e mantemento, así como a creación dunha nova praza de operario/a de servizos múltiples para reforzar a brigada de mantemento.

No pleno tamén tomaron posesión como edís Adrián Silva Magdalena e Andrea Pérez Cal, en substitución de Roberto Rivas e Amelia Cancela.

Ademais, a corporación aprobou por unanimidade o Plan de Igualdade do persoal funcionario e o Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de Barro.