Declaración institucional polo 8M: "Un país sen feminismo é un país sen xustiza"

Pontevedra
06 de marzo 2020

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra sumouse este venres á conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, con dous xestos que ata nunca se deron nesta institución: a lectura dunha declaración institucional e a colocación dunha pancarta reivindicativa  

Lectura da declaración institucional na Subdelegación do Goberno
Lectura da declaración institucional na Subdelegación do Goberno / Subdelegación del Gobierno en Pontevedra

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra sumouse este venres á conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, con dous xestos que ata nunca se deron nesta institución: a lectura dunha declaración institucional aprobada polo Consello de Ministros e a colocación dunha pancarta reivindicativa no balcón do edificio gobernamental da praza de España. 

O manifesto, lido pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reivindica que "un país sen feminismo é un país sen xustiza" e expresa a "firme vontade" do Goberno de "loitar pola igualdade plena entre mulleres e homes, recoñecendo a forza histórica e o empuxe social do movemento feminista nesta loita". Así, reivindícase que España quere seguir sendo "unha luz para as mulleres e os homes que anhelan un mundo xusto", un que reverta desigualdades históricas co obxectivo de garantir a dignidade de mulleres e homes.

O Goberno lembra que a construción dunha sociedade libre e xusta esixe a erradicación de todas as formas de discriminación e de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo.

No ano no que se conmemora o 25 aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, lembran que o lema elixido por ONU Mujeres para este 8 de marzo -"Son da Xeración Igualdade: Polos dereitos das mulleres"- busca dirixir o foco cara ás novas xeracións de mulleres e nenas activistas en favor da igualdade de xénero, pois é esencial facilitar o diálogo entre as novas xeracións e as defensoras dos dereitos das mulleres de hai 25 anos.

Reivindican, desta forma, que este 25 aniversario debe servir para "non retroceder nos avances conseguidos e reafirmar os compromisos adquiridos" e debe ser unha ocasión para recoñecer o papel decisivo da sociedade civil, a través das organizacións de mulleres, nos avances en dereitos das mulleres

Aínda que desde hai dúas décadas España está á vangarda internacional en canto á súa lexislación contra as violencias machistas ou pola igualdade entre mulleres e homes, este manifesto lembra que as máis de mil mulleres asasinadas desde que se recollen estatísticas, as agresións sexuais, os datos económicos sobre desigualdade retributiva, a falta de corresponsabilidade nos coidados, ou as batallas que aínda han de librase en ámbitos, como o deporte ou a cultura, por alcanzar a igualdade evidencian que España "debe poñerse á altura das lexítimas e perentorias demandas das mulleres".

Ao acto acudiron representantes da administración central, Corpos e Forzas da Seguridade do Estado, membros de asociacións provinciais e a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy Romero.