O goberno municipal de Sanxenxo marcouse un obxectivo claro para a nova etapa do seu servizo de axuda no fogar. Que non haxa lista de espera para os seus usuarios.
Así o avanzou este xoves o alcalde, Temo Martín, que acompañado da edil responsable dos servizos sociais municipais, Paz Lago, fixo balance do gasto social do municipio.
O novo SAF sairá a licitación este venres por 2,1 millóns de euros anuais.
Con este novo concurso, partirase das 70.000 horas anuais até un total de 84.000 horas.
O esforzo investidor do concello permitirá ademais que o prezo da hora aumente até os 24,19 euros "como un recoñecemento a todas as persoas, case todas mulleres, que traballan nun servizo tan duro como o SAF", sinalou o alcalde.
Nesta mesma liña, Martín debullou os distintos servizos a través dos que o Concello de Sanxenxo atende a 1.695 familias, "un terzo da nosa poboación".
Citou os servizos sociais básicos, educación familiar, inserción laboral e emerxencia social (588 familias), o CIM (521), a educación física para maiores e o taller de memoria (320), o centro de día (80), o SAF (80) e as dúas escolas infantís municipais (106).
En canto ao gasto social respecto de 2017, en persoal incrementouse un 52% até os 545.200 euros; no centro de día, un 65% até os 654.297 euros; no SAF, un 639%, até os 2,1 millóns, e nas escolas infantís municipais, até os 771.072, un 72%.
"Somos un concello ao que nos preocupa o coidado e o benestar dos nosos veciños e hoxe con estas cifras, nas que detrás están case 2.000 familias, queda demostrado", sentenciou o alcalde.