Un veciño de Caldas de Reis de 30 anos foi denunciado pola vía xudicial por un delito de tráfico tras ser detectado circulando a 191 km/h nun tramo limitado a 70.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, os feitos ocorreron o luns, 14 de xullo, pola tarde.
O condutor foi detectado por un radar do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra ao volante dun vehículo de alta gama.
O tramo da infracción está situado na estrada N-550, na zona comprendida entre a parroquia de Carracedo e Caldas.
O mozo está investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao exceder en máis de 80 km/h o límite de velocidade permitido en vía interurbana.
As penas ás que se podería enfrontar correspóndense con pena de prisión de até seis meses, multa de até doce meses ou até noventa días de traballos en beneficio da comunidade.
Tamén levarían aparellada a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo dun a catro anos.
A Garda Civil lembra que a velocidade constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral, e dos máis graves en particular, polo que supón un grave problema para a seguridade viaria, non só para os responsables senón tamén para o resto de usuarios da vía.