25N | A Deputación chama a "romper o silencio" e avanzar cara a eliminación da violencia machista

Pontevedra
25 de novembro 2024
Actualizado: 17:35

O presidente Luis López abriu un acto no que a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, foi a encargada de ler o manifesto e no que personalidades da provincia recitaron poemas de Carmen Quinteiro

Acto do 25N na Deputación
Acto do 25N na Deputación / Deputación de Pontevedra

O vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este luns o acto "Rompe o silencio. Escoita o Cambio" co que se conmemorou o Día Mundial para a Erradicación da Violencia sobre a Muller.

A xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, foi a encargada de ler o manifesto do organismo provincial no que reivindicou o cambio a transformación "pero sen retrocesos. Sen concesións ao desánimo. Formando desde o inicio ás novas xeracións para que a igualdade sexa algo tan consubstancial e intrínseco ás súas vidas que non teña sentido ningún cuestionala, porque sería tanto como cuestionar a esencia mesma dunha sociedade democrática".

Belén Rubido lembrou que "non haberá liberdade nin xustiza se non hai igualdade. Son as tres caras da mesma realidade, que fai que unha non poida vivir de costas ás outras".

No seu discurso, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López destacou que "acadar unha sociedade igualitaria de xeito pleno e real é unha misión global" e engadiu que "formular este camiño como unha loita persoal ou partidista, desviar o foco dos grandes problemas que nos afectan ou abrir fendas imaxinarias no canto de pechar ás que aínda nos separan... fan un fraco favor a unha travesía na que todas e todos, como sociedade, imos no mesmo barco".

Ademáis da xuíza decana e do presidente provincial, diversas personalidades de todos os ámbitos da sociedade pontevedresa tomaron parte neste acto da Deputación recitando fragmentos da obra poética de Carmen Quinteiro "Compracer nunca. Con pracer sempre" e na que a intérprete Sofía Espiñeira puxo a nota musical.

Participaron: Raúl Santamaría, María Borrás, Pepe Solla, Lucía Muradas, Rafa Cabeleira, Natalia Maquieira, Susana Pedreira, Sandra Bastos, Begoña Fernández, Sofía Espiñeira e Javier Gómez Noya, que non puido estar presente no acto deste luns.

Mentres soaba a súa a voz en off, os propios protagonistas erguíanse das súas cadeiras para introducir nunha caixa as tarxetas coa estrofa que eles mesmos recitaron para clamar contra a violencia que sofren as mulleres e esixir igualdade e tomar asento nas escaleiras do Pazo provincial.

O acto rematou cunha foto de familia e unha última actuación da intérprete Sofía Espiñeira.