A Policía Local detivo na madrugada do xoves un veciño de Pontevedra por circular sen o carné en vigor e baixo o consumo de estupefacientes. Ademais, levaba 118 gramos de haxix no maleteiro polo que foi detido por un suposto delito contra a saúde pública.
Fontes oficiais da Xefatura da Policía Local informaron que os feitos tiveron lugar sobre as tres da madrugada, cando os axentes municipais patrullaban detrás dun condutor que ao percatarse da presenza policial, detivo o coche ante un vao. Os axentes procederon á súa identificación confirmando que non tiña o carné en vigor, polo que lle atribúen un delito contra a seguridade viaria.
Ademais, comprobaron que presentaba síntomas dunha posible intoxicación por substancias estupefacientes, e logo de facerlle as probas deu positivo en cocaína e THC.
No rexistro do vehículo atoparon dúas mostras aparentemente de haxix cun peso de 118 gramos nun neceser que tiña no maleteiro. O denunciado dixo que o comprara, sen desvelar a quen, e que era para consumo propio.
Finalmente, os axentes detivérono atribuíndolle un suposto delito contra a saúde pública.