Dez vestimentas históricas galegas chegan aos escaparates do comercio local

Pontevedra
04 de novembro 2022

Na mostra, organizada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, exhibiranse manequíns vestidos con traxes tradicionais de Muros, a Raia Seca, A Guarda, Lestedo, Muros e Santiago, e panos de Manila isabelinos e modernistas  

IV Roteiro de Traxes Tradicionais
IV Roteiro de Traxes Tradicionais / Concello de Pontevedra

O Roteiro de Traxes Tradicionais regresa aos escaparates do comercio local pontevedrés cunha nova exposición na que se poderán ver, durante as vindeiras semanas, dez espectaculares vestimentas datadas entre os anos 1870 e 1900.

Na mostra, organizada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, exhibiranse manequíns vestidos con traxes tradicionais de Muros, a Raia Seca, A Guarda, Lestedo, Muros e Santiago, e panos de Manila isabelinos e modernistas.

A inauguración da cuarta edición do Roteiro tivo lugar durante a mañá deste venres, onde a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, percorreu os comercios que cederon os seus escaparates, e indicou que "este Roteiro xoga un importante papel de dinamización comercial en lingua galega, especialmente entre as firmas dedicadas ao téxtil, poñendo en valor a nosa indumentaria tradicional e fomentando o coñecemento de novos termos que moitos de nós non coñecemos".

Esta exposición, segundo explicou a concelleira, "servirá para incrementar a afluencia de público nestes pequenos comercios do sector téxtil, axudando a visualizar os seus escaparates e oferta e converténdose nunha carta de presentación perfecta e unha publicidade gratuíta para todos eles. Ademais, esta iniciativa fai un grande labor didáctico, achegando o traxe tradicional ao público en xeral e aos nenos e nenas dos colexios de Pontevedra. Tódalas pezas expostas son antigas ou reproducións fidedignas de pezas tradicionais".

Yoya Blanco convida "a todo o mundo" a que se achegue a desfrutar "desta mostra, da nosa cultura popular e da nosa vestimenta tradicional. Tódalas pezas expostas son antigas ou reproducións fidedignas de pezas tradicionais".

Os locais que participan nesta mostra son Entretelas (rúa Peregrina, 54) cun traxe de Muros, traxe da Raia Seca e pano de Manila modernista de 1900; Mercería Anabeti (rúa Sagasta, 14) cun traxe de A Guarda; Pontetela (rúa Cruz Gallástegui, 5) cun traxe de Lestedo e pano de Manila isabelino tardío de 1870; Tegal (Praza de Barcelos, 28) cun traxe de Muros, traxe de Santiago e pano de Manila modernista de 1890, e Estilo Aramar (rúa Antón Fraguas, 3) cun pano de Manila isabelino tardío de 1880.