O proxecto da Variante Oeste de Caldas de Reis, impulsado polo Ministerio de Transportes e de Mobilidade Sostible para reducir o tráfico pesado no centro da vila, xerou un debate de posturas entre o PSOE e o BNG, socios de goberno, mentres o alcalde socialista Jacobo Pérez tamén lamenta o "xiro político e partidista" do Partido Popular.
O Concello de Caldas asesorou a máis dun cento de veciños e veciñas nas últimas semanas sobre o estudo previo do ramal que conectará as estradas N-550 e N-640.
Jacobo Pérez defendeu a transparencia do goberno local, que incluso elaborou un modelo de alegación estándar para facilitar a tramitación á cidadanía, e adiantou que o propio Concello presentará alegacións para que as obras non afecten a ningunha vivenda.
O alcalde recordou que na primeira reunión informativa sobre este asunto, "as tres forzas políticas (PSOE, BNG e PP) estabamos dacordo en que esta era a mellor proposta".
Agora, Pérez Gulín lamentou que "unha vez máis o Partido Popular actúa seguindo fins electoralistas e dá un xiro á súa postura inicial co único propósito de tratar de sacar rédito electoral", negando tamén que o goberno local actuase con escurantismo.
Pérez amosou a súa confianza en que a Variante Oeste sexa unha realidade, xa que se trata dunha actuación "clave para a seguridade viaria na vila e que suporá un antes e un despois para o noso municipio".
A vindeira semana, o alcalde manterá unha reunión na Subdelegación do Goberno para entregar as máis de 400 alegacións veciñais e as propostas do Concello para mellorar o proxecto do Ministerio.
O BNG RECLAMA UN ANEL VIARIO
Pola súa banda, o BNG de Caldas presentou as súas alegacións esixindo que o Ministerio, ademais de crear unha avenida "branda" no centro urbano, libere de peaxe o tramo da AP-9 entre Caldas e Carracedo.
O portavoz local e tenente de alcalde, Manuel Fariña, defende que a liberalización da autoestrada aliviará a conxestión crónica da vila.
O Bloque propón como única alternativa válida unha Variante de Caldas de carácter brando e tráfico calmado, cun trazado igual ou moi semellante á alternativa NC-1b do estudo informativo, que permita completar un anel viario arredor de Caldas e liberar o centro de tráficos alleos.

Fariña esixe que se desbote calquera trazado vinculado a un acceso directo ao Porto de Vilagarcía de Arousa (especialmente a alternativa NC-1a), por consideralo innecesario e non mellorar a mobilidade.
Tamén rexeita calquera alternativa que afecte ás parroquias de Bemil e Godos, xa que suporía "unha ruptura social e territorial inasumible e un factor de despoboamento rural".
O BNG destaca que a proposta actual do Ministerio non supón unha mellora significativa na conexión do Porto con AP-9, e que a solución lóxica é a autovía Baión-Curro, proxecto paralizado polo PP e nunca executado, segundo indica.