Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e O Castañal

Pontevedra
02 de outubro 2019

O investimento previsto para esta reforma urbana supera os 2.5 millóns de euros e ten un prazo de execución de once meses. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que a cantidade xeral roldará os 2,9 millóns de euros

Rúa Loureiro Crespo, Pontevedra
Rúa Loureiro Crespo, Pontevedra / Mónica Patxot

Un total de doce empresas presentaron as súas ofertas para executar o proxecto de reforma da rúa Loureiro Crespo e do barrio do Castañal.

A mesa de contratación reunirase o próximo martes para comezar a avaliar as propostas recibidas que, na súa maior parte, achegaron unións temporais de empresas.

As ofertas son de UTE Audeca-Narón, COVSA, Xac - Orega, UTE Alvac - C.P. Abilleira, UTE E.C.Casas - Ramírez, UTE Prace - Ramón Váquez y Reino, UTE Ogmios - Fechi, Elsamex, Civis Global, Excavaciones y transportes Ivanca e UTE Oresa - Anfisa.

Unha última oferta non leva nome porque non cubriu a súa identidade na Plataforma do Estado. Coñecerase o seu autor durante a reunión da propia mesa.

O investimento previsto para esta reforma urbana supera os 2.5 millóns de euros e ten un prazo de execución de once meses.

O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que a cantidade xeral roldará os 2,9 millóns de euros.

As melloras son investimentos que poden presentar as empresas pero que están fóra do custe da obra, é dicir, son obras que asumen as propias compañías con fondos propios.

Estas melloras consisten na reurbanización das rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e Praza das Regas.