Domínguez tacha a Lores de "perrito faldero" de Pedro Sánchez polo seu silencio ante as obras paralizadas polo Goberno

Pontevedra
15 de xaneiro 2026
Actualizado: 12:13

Na súa intervención, o portavoz municipal do PP de Pontevedra cargou con dureza contra o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que acusou de manter un "silencio aterrador"

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP
Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP / Mónica Patxot

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este xoves que o seu grupo presentará unha moción no próximo pleno do Concello para reclamar ao Goberno central a continuación de varios proxectos de competencia estatal que, segundo denunciou, permanecen paralizados desde hai anos na cidade.

Na súa intervención, Rafa Domínguez cargou con dureza contra o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que acusou de manter un "silencio cómplice" ante esta situación e de actuar, segundo as súas palabras, como un "perrito faldero" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Mientras Pedro Sánchez margina a Pontevedra durante ocho años paralizando obras, Lores calla actuando como un perrito faldero de Pedro Sánchez", declarou textualmente.

En rolda de prensa, Domínguez sostivo que o Executivo presidido por Pedro Sánchez "ha olvidado a Pontevedra" e citou tres actuacións concretas como exemplo desa situación.

A primeira é o paseo peonil entre Pontevedra e Marín, do que só se executou un primeiro tramo. O portavoz popular afirmou que o segundo tramo carece de proxecto definido e dun calendario claro desde 2022, o que, ao seu xuízo, xera incerteza entre a cidadanía.

O segundo proxecto mencionado foi o denominado Nó de Bombeiros, unha infraestrutura viaria adxudicada en xuño de 2023 e cuxa primeira pedra se colocou en xullo de 2024. Segundo Domínguez, a obra leva máis dun ano sen avances visibles nin información pública sobre o seu estado ou prazos de execución.

Tamén se refiriu á rehabilitación do antigo edificio de Facenda, para o que se anunciou un investimento de 18 millóns de euros co obxectivo de convertelo en Arquivo Histórico.

O portavoz do PP asegurou que, máis aló da reparación da cuberta, non se produciron avances significativos e que o proxecto continúa paralizado.

Domínguez incluíu tamén entre as súas críticas a falta de avances na liberalización da autoestrada de peaxe AP-9, unha reivindicación histórica en Galicia, que considera especialmente relevante para Pontevedra.

Na súa intervención, o portavoz popular responsabilizou tanto o Goberno central como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que acusou de non esixir explicacións nin investimentos aos seus socios políticos en Madrid.

Segundo Domínguez, nos últimos oito anos non se impulsaron novos proxectos estatais para a cidade e os xa existentes atópanse bloqueados.

"Esta rueda de prensa no tendría que estar dándola yo, tendría que estar dándola el alcalde de Pontevedra exigiendo inversiones al Gobierno de España", afirmou.

Domínguez insistiu en que a falta de información sobre prazos e cronogramas destas actuacións se produce "ante el silencio aterrador" do alcalde, ao que reprochou non elevar ningunha queixa pública ao Goberno central.

"Bloquean el paseo a Marín, Lores calla. Paralizan el Nudo de Bomberos, Lores calla. Tienen paralizada la sede de Hacienda, Lores calla", enumerou.

A moción que o PP levará ao pleno municipal busca instar o Goberno de España a desbloquear estas actuacións e a informar sobre a súa situación actual e os prazos previstos.

Domínguez avanzou ademais que a súa compañeira de partido Pepa Pardo rexistrou varias preguntas no Senado para solicitar información oficial sobre o futuro destes proxectos.

O portavoz popular expresou o seu desexo de que os grupos do BNG e do PSOE apoien a iniciativa no pleno, co obxectivo, dixo, de "defender los intereses de Pontevedra" e pór fin ao que considera unha falta de investimento estatal na cidade.