Dous ciclistas de Pontevedra denuncian que o pasado domingo 23 ás 9:15 foron arrastrados nas proximidades á Ponte dos Tirantes, na rúa José Malvar, por un Renault Clío de cor branca que se deu á fuga en dirección á zona da Seca.
Os ciclistas sufriron numerosas contusións en todo o corpo e principalmente na cabeza, colo e ombros. Os dous tiveron que ser atendidos no Hospital Montecelo. Segundo expoñen, o casco dun dos ciclistas fragmentouse como consecuencia do impacto e unha das bicicletas sufriu graves danos.
As vítimas do accidente presentaron denuncia ante a Policía Local coa intención de que a través das cámaras de vixilancia se puidese detectar a matrícula do vehículo. Afirman que o condutor do turismo non se inmutou a pesar do aparatoso que resultou o accidente e continuou o seu traxecto. Agora, os achegados a estes dous ciclistas intentan localizar o vehículo con danos no lateral dereito para alertar a Policía.