Dous sucesos producíanse este sábado en circunstancias similares. Trátase de dous casos nos que se detivo os presuntos agresores como autores dun delito de violencia machista e nos dous, os incidentes se desenvolvían dentro dun turismo mentres circulaban.
Ás 4:15 da madrugada do sábado 11, unha muller na rotonda da Ponte dos Tirantes na Avenida de Bos Aires reclamaba a presenza da Policía local. Cando os axentes se achegan á zona encóntranse cunha muller de 35 anos que relata como a súa parella sentimental acababa de golpeala no nariz e tamén nun dedo despois de manter unha discusión. A muller presentaba manchas de sangue, segundo recolle o atestado da Policía. Ademais, a vítima denunciou que a súa parella lle tirara os lentes graduados ademais de romperlle a chave do coche polo que non puidera mover o vehículo que se encontraba no medio da calzada. Os axentes acompáñana ata o Centro de saúde da Parda onde é atendida e despois presenta a correspondente denuncia na comisaría.
Grazas á descrición do seu presunto agresor, os axentes localizan minutos máis tarde ao home de 31 anos camiñando pola rúa Eduardo Pondal onde é detido.
OUTRA AGRESIÿN NUN TURISMO
Ao mediodía do sábado, tamén é requirida a presenza dos axentes da Policía municipal polo persoal de Montecelo que alertan de que están a atender a unha vítima de violencia de xénero. A muller indica que o seu presunto agresor debe encontrarse nas inmediacións do Centro Hospitalario pero tras unha batida pola zona non se chega a localizar o individuo.
Segundo relata a muller, sobre as 12:30 da mañá viaxaba nun vehículo cara a Vigo coa súa parella e unha menor, unha prima da vítima de 13 anos. Durante o traxecto, á altura da nave de Merkamueble en Vilaboa, estalou unha discusión que, segundo a muller, rematou cunha agesión. A continuación, o home detivo o turismo e expulsouna tanto a ela coma á rapaza. Deseguido trasladouse ao Hospital Montecelo para ser atendida.
A muller facilitou o teléfono aos axentes que se poñen en contacto co presunto agresor e lle solicitan que compareza en comisaría onde é detido. O home acusou a muller de ter sido agredido previamente por ela e quéixase de dor no pómulo polo que é trasladado ata o Centro de Saúde da Parda para que sexa atendido.