Un home de 43 anos e unha nena de cinco resultaron feridos nunha colisión de dous vehículos na entrada do colexio de Cabanas, en Salcedo.
O suceso, que tivo lugar pasadas as 10:30 horas da mañá, produciuse cando o coche, un Chevrolet, no que viaxaba a menor estaba a xirar cara á entrada do centro escolar, momento no que colisionou cun Peugeot 206.
Os dous feridos foron trasladados por Urxencias Médicas a un centro hospitalario da cidade. O home, que viaxaba de conductor no Peugeot, presentaba unha contusión na cabeza e unha lesión no ombro. A nena saiu do coche polo seu propio pé.
Os dous vehículos sufriron importantes danos materiais na parte dianteira e lateral e tiveron que ser retirados por sendos guindastres ante a imposibilidade de retomar a circulación. Ao lugar acudiron tamén dúas ambulancias do 061 e dúas patrullas do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra.