A doutora Reyes Ferreiro, pregoeira das festas 2025 de Caldas

Umia
06 de agosto 2025

A médica caldense, afincada en Madrid pero con forte vinculación á vila, dará lectura ao pregón o 10 de agosto na Carballeira, que recupera o seu protagonismo festivo

A doutora Reyes Ferreiro e o tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña
A doutora Reyes Ferreiro e o tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña / Concello de Caldas de Reis

A doutora Reyes Ferreiro, médica caldense que actualmente desenvolve a súa carreira profesional en Madrid, será a encargada de inaugurar as festas grandes de Caldas de Reis 2025 co tradicional pregón.

O evento, que marcará o inicio oficial das celebracións, terá lugar o domingo 10 de agosto ás 12:30 horas e suporá a recuperación da emblemática Carballeira como espazo central dos festexos.

A elección desta profesional da medicina non é casual. Malia exercer fóra da vila, Ferreiro mantén un vínculo estreito con Caldas, onde é coñecida pola súa constante implicación na vida social e cultural.

Entre as súas múltiples contribucións á comunidade destaca a súa participación no Campamento Urbano, unha iniciativa que marcou a infancia de varias xeracións de caldenses e que foi fundamental para a conciliación familiar durante os períodos estivais.

"A traxectoria de Reyes Ferreiro é un auténtico orgullo para todos os veciños e veciñas, pero ademais é un referente que inspira á mocidade", destacou Manuel Fariña, tenente de alcalde e responsable da área de Cultura do Concello, quen subliñou que a doutora representa "os valores da entrega, a humanidade e o compromiso coa súa terra".

Reyes Ferreiro é unha das especialistas máis prestixiosas en España no cancro de colon, licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce o seu traballo na unidade de oncoloxía dixestiva do Hospital Ramón y Cajal. 

A decisión de situar o acto na Carballeira responde á intención do goberno local de devolver a este espazo natural o protagonismo que tradicionalmente tivo nas festas da vila. Segundo fontes municipais, esta localización será o epicentro das actividades musicais e culturais programadas para os días grandes de Caldas.

Desde o consistorio caldense anímase tanto á veciñanza como aos visitantes a participar neste acto inaugural que, coa voz de Reyes Ferreiro como protagonista, dará paso a uns días de celebración, música e encontro cargados de "contido e sentimento caldense".

A pregoeira Reyes Ferreiro e Manuel Fariña
A pregoeira Reyes Ferreiro e Manuel FariñaConcello de Caldas de Reis

O Concello deseñou para este ano unhas festas que, en palabras de Fariña, "apostan con forza por reforzar a identidade e o orgullo local", cun programa pensado para todas as idades e que pretende "converter a Caldas nun gran fervedoiro de xente para celebrar con alegría a semana grande".