A escola de Verducido perderá definitivamente a súa unidade de Primaria de cara ao próximo curso escolar 2021-2022. Así o confirmaron desde Educación, que explican que o centro se manterá aberto só coas clases correspondentes ao ciclo de Infantil.
Despois de que a xustiza obrigase a impartir Primaria nesta escola durante este curso, Educación volve xustificar a súa decisión na baixa matrícula e alega que a decisión de manter a aula este ano foi unha medida "excepcional".
Todo o alumnado de Verducido, segundo as autoridades educativas, terá garantido o pase a Primaria no centro que se corresponde por adscrición: o CEIP Santo André de Xeve.
DECISIÓN "PROFUNDAMENTE DESACERTADA"
O concelleiro de Educación de Pontevedra, Tino Fernández, manifestou o seu apoio a calquera acción que se leve a cabo para lograr que a escola de Verducido manteña a unidade de Primaria en funcionamento, de feito, na xuntanza mantida nos últimos días pola ANPA de Verducido "houbo concelleiros do grupo de goberno presentes e sempre que o precisen estaremos para aquelo que poidan necesitar".
Tino Fernández cualifica a decisión da Xunta de Galicia de "profundamente desacertada" e considera que o anuncio de peche da unidade de Primaria por parte da Consellería de Educación adolece dunha gran precipitación.
"A Xunta debería repensar a decisión tomada porque para nós é unha decisión moi pouco meditada, que vai causar un mal innecesario a moitos pais e moitas nais e sobre todo a unha filosofía que é potenciar o rural", lamenta o edil socialista.
"Dende o Concello de Pontevedra estamos facendo un traballo inmenso para dotar de servizos ás parroquias, con mellora de saneamento, auga potable, comunicacións, avanzando no transporte público... Estamos facendo o posible para que esa poboación se sinta cómoda vivindo no rural", engade Fernández, á vez que reclama o mesmo compromiso ao goberno autonómico.
"Parécenos un sinsentido porque é unha decisión que vai en contra de aquelo que predica a propia Xunta de promover que as persoas poidan consolidar a súa vida no rural. Non é posible dicir iso e ao mesmo tempo estar prescindindo de servizos no rural", remata o concelleiro de Educación.
A viceportavoz do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, presentará na Comisión de Sanidade que se celebra este venres 26 de marzo na cámara galega unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que manteña aberto o ciclo de Primaria na Escola de Educación Infantil (EEI) de Verducido.
Paloma Castro lembra que a Concellería de Educación pechou no curso pasado unha das aulas de Infantil, e neste curso 2020-21 suprimiu a unidade de Primaria, o que derivou na denuncia dos pais e nais e unha sentenza xudicial en contra da Xunta, que lle obrigaba a reabrir esta unidade.
Pese ao pronunciamento xudicial, Castro alerta de que o goberno galego remitiu aos pais e nais unha nova comunicación a finais do pasado mes de febreiro ratificando que o próximo curso manterá a aula pechada.
A responsable socialista denuncia o desmantelamento continuo durante os últimos 3 anos dunha escola que conta con 60 anos de historia e un modelo educativo premiado. Esixiralle ao goberno galego que "rectifique porque non pode deixar a estes nenos e nenas sen escola".
Neste sentido, denuncia que "mentres o presidente da Xunta enche a boca falando da Lei de Impulso Demográfico, a realidade dos feitos evidencia que seguen a restrinxir servizos nas parroquias".