Edugal regresa ao recinto feiral do 26 ao 28 de outubro con máis de 60 expositores

Pontevedra
22 de outubro 2022

O Salón Edugal estará aberto ao público en horario de 10:00 a 18:00 horas o mércores e o xoves, e de 10:00 a 15:00 horas o venres, cun intenso programa repleto de actividades nas que se abordarán temas de actualidade e utilidade para o futuro

Inauguración da décima edición de Edugal no Recinto Feiral de Pontevedra
Inauguración da décima edición de Edugal no Recinto Feiral de Pontevedra / Mónica Patxot

A undécima edición do Salón de Educación e Formación de Galicia Edugal está preparada para abrir as portas no Recinto Feiral de Pontevedra entre os días 26 e 28 outubro.

Nesta ocasión, haberá 65 expositores onde os estudantes poderán atopar orientación académica en estudos universitarios, formación continua, capacitación profesional, aulas abertas, máster e posgraos, idiomas ou Eramus Plus.

O Salón Edugal estará aberto ao público en horario de 10:00 a 18:00 horas o mércores e o xoves, e de 10:00 a 15:00 horas o venres, cun intenso programa repleto de actividades nas que se abordarán temas de actualidade e utilidade para o futuro.

Na inauguración presentaranse a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego e as actividades a desenvolver no Metaverso, haberá charlas de orientación universitaria e celebraranse obradoiros de Intelixencia Artificial, Iniciación ao Modelo Orgánico 3D e Impresión en 3D e Robótica Educativa, unha exposición fotográfica de moda e unha retransmisión de E-Sports con premio para o gañador do torneo de Mona Chita.

A concelleira de Promoción Económica e Universidade, Yoya Blanco, avanzou que o xoves 27 de outubro haberá unha presentación da nova plataforma para fomentar a iniciativa empresarial Polos de Emprendemento; un taller práctico de FP Dual na empresa titulado 'Pasos a seguir para a súa tramitación na empresa' con webinar a través de Zoom; a presentación 'A miña primeira experiencia coa administración' a cargo da directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (Fungatra); charlas de orientación; unha sesión de fotografía e maquillaxe de personaxes de Halloween; e obradoiros de Biotech (ciencia, bioloxía e tecnoloxía), Deseño de Videoxogos e Iniciación ao Modelado Orgánico e Impresión 3D. 

O programa continuará o venres 28 de outubro coa mesa redonda 'Todos os traballos son iguais', con expertos de diferentes campos; unha presentación na que o alumnado da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético e o seu director, Kiko da Silva, crearán os Kikoins, a súa moeda propia para avaliar aos creadores; unha charla informativa sobre Novas Oportunidades de Formación en FP e Novos Perfís Profesionais; unha mostra de Caracterización e FX Especiais, e talleres de Electrónica Creativa e Iniciación á Electrónica e Programación con Arduino.

Entre os expositores tamén estarán facultades e escolas universitarias de entidades como a Asociación Juan XXIII, a Fundación Ronsel, a Federación Galega de Fútbol, as Forzas Armadas ou a Escola de Canteiría da Deputación, centros integrados de Formación Profesional como o Carlos Oroza, A Xunqueira ou A Granxa e institutos como o Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane, Vilalonga ou o Audiovisual de Vigo.

En opinión de Yoya Blanco, "estamos a falar do maior evento educativo e formativo que se celebra en Galicia, no que estudantes e as familias poden obter unha moi boa fotografía sobre as posibilidades que teñen para enfocar o seu futuro, poñerse ao día sobre as últimas novidades e avances tecnolóxicos, recibir o asesoramento de expertos, pasar un bo rato coas actividades organizadas e, en definitiva, saír do Recinto Feiral cunha idea moito máis clara sobre o camiño que desexan seguir".

O evento está organizado pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo.