Elcano e a Filosofía en España centran as conferencias deste mércores na UNED

Pontevedra
26 de abril 2022

Este 27 de abril en horario de tarde, o Centro Asociado da UNED de Pontevedra celebra dúas conferencias dentro dos actos de conmemoración do 50 aniversario. A primeira analiza a viaxe de Magallanes e Elcano arredor do mundo e, na segunda, vai tratarse a reconstrución da Historia da Filosofía Española

Víctor M. González Sánchez, director do Centro Asociado de Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED UNED Pontevedra

Con motivo da conmemoración do 50 aniversario da fundación do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, este mércores 27 de abril celebraranse dúas interesantes conferencias.

A primeira titúlase "Encontro cultural: A viaxe de Magallanes e Elcano ao redor do mundo (1519-1522) 500 anos da primeira volta ao mundo". Comezará ás 17.00 horas e será presentada polo director do Centro Asociado de Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, Víctor M. González Sánchez, e contará como relator con Juan Eloy Gelabert González, doutor en Historia e catedrático de Universidade.

Ao longo da exposición estudarase o despregamento de saber xeográfico e astronómico de alto interese diplomático e unha operación económica que transformaría de forma a configuración económica do planeta. A xesta, segundo tratarase na conferencia, resultou un esforzo multinacional coa participación de españois, portugueses e alemáns.

Tras este relatorio, a partir das 19.00 horas, ofrecerase outra conferencia a cargo de José Luis Mora, catedrático de Filosofía Española na Universidade Autónoma de Madrid, e que será presentado por Marcelino Agís Villaverde, catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela e profesor-titor con Venia Docendi do  C.A. da UNED en Pontevedra.